As falas do Val de Xálima

Un galego especial

Volta á casa

Concellos

Valverde / Valverdi du Fresnu
As Ellas
San Martiño de Trebello / Sa Martín de Trevellu

Introdución

No noroeste de Cáceres, no chamado Val do Río Ellas ou de Xálima, os concellos de Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello, e a práctica totalidade dos seus cinco mil habitantes falan habitualmente unha variedade do galego(-portugués) de fasquía arcaizante e con algunhas interferencias do castelán.

O galego chegou a estas terras por boca dos colonos aquí instalados a finais do XII e principios do XIII polo rei Afonso VIII. Os galegos supuxeron o 80% dos colonos instalados nas terras de Ledesma, A Cidade, Coira, Sabugal e Riba-Coa. O galego é a lingua dos Foros de Castelo Rodrigo, de 1209, os documentos en romance máis antigos da rexión, e as variantes do Ellas ou Xálima son descendentes directas desa fala "nivelada" dos repoboadores reflectida nos foros. Os demais falares de repoboación foron varridos polo portugués en Sabugal e Riba-Coa e polo castelán(-leonés) no resto da rexión.

Na actualidade fala valverdeiru, mañegu e lagarteiru o 98% da poboación. Existen organizacións (Fala i Cultura, Amigus d'As Ellas, etc.) que editan diversos materiais na fala (revistas, folletos, adhesivos, carteis, etc.) e celebran o Día da Fala con actos lúdico-reivindicativos. A administración, a igrexa, o ensino, etc., pensan aínda que a fala supón un atraso: só serve para o val, non se pode escribir, é unha perda de tempo, etc.

Os valverdeiros, mañegos e lagarteiros teñen unha conciencia diferencial moi forte. Non se consideran portugueses nin moito menos casteláns, leoneses ou estremeños. Son, simplemente, "dos Tres Lugaris".

 

Delimitación xeográfica

No recanto noroccidental da actual provincia de Cáceres (Estremadura-España), nas estribacións da Serra de Gata, sitúanse tres concellos nos que aínda hoxe se falan maioritariamente tres variedades do antigo galego(-portugués). Nos concellos de Valverdi du Fresnu -antigamente Valverde da Serra-, As Ellas e Sa Martín de Trevellu -noutrora Sa Martín dos Viños- a práctica totalidade dos seus cinco mil habitantes empregan acotío as variedades lingüísticas denominadas valverdeiro, lagarteiro e mañego.

Cunha extensión territorial conxunta de 256 km2, cunca natural perfectamente delimitada e afastada dos territorios de fala castelá por dificultades orográficas, forman un val que se ten chamado de Xálima, do Río Ellas ou na fala dos seus habitantes simplemente "Os
Tres
Lugaris".

 

Orixes das falas do Val

As variantes lingüísticas proceden da lingua levada polos colonos instalados no val polo rei Afonso VIII de Galiza e León no século XIII, que repoboaron unha ampla área do sur de Salamanca, norte de Cáceres e a franxa oriental da Beira Baixa portuguesa. En época ben temperá a fala dos colonos foi varrida quedando restos en numerosos vocábulos rexistrados nas falas castelás da Serra de Gata e do sudoeste da provincia de Salamanca (regato, rodera, murceguiño, chambra, fechadura, gomo, bocoi, cangallo, lombo, carozo, múa, bago, meda, sobrau, ...). A conservación da fala perdida no resto das zonas colonizadas explícase no abandono secular destas áreas, dificilmente accesibles até hai escasas décadas. Estas falas son así grazas ao resultado dun galego antigo implantado neste val no século XIII que perdeu todo contacto co territorio orixinario e camiñou setecentos anos por libre.

 

As falas como obxecto de estudo

A partir de Leite de Vasconcelos (1927 e 1933) comezan os estudos en exclusiva das falas deste val. Leite cría na lusitanidade destas falas e rexeitaba a hipótese, formulada por el mesmo, da repoboación galega para explicar a orixe, pretendendo catalogalas ao mesmo nivel do portugués exterior falado en puntos fronteirizos do estado español.

Agás Cintra e Maia, até os anos oitenta a maioría dos autores que se ocuparon destas falas catalogáronas dentro do portugués ou, alomenos, falaron dunha "lingua ponte" ou "cruce" (sic) entre portugués e asturiano oriental. O filólogo portugués Luís Filipe Lindley Cintra (1959) deduciu que se trataba dun galego interferido por leonesismos. A idéntica conclusión chegou Clarinda de Azevedo Maia (1977) ao comparar o portugués beirao de Sabugal coas falas do val do río Ellas. Para Maia lagarteiro, valverdeiro e mañego son variantes do galego-portugués antigo máis próximas do galego ca do portugués actuais.

Os traballos dos últimos anos confirman a "galeguidade" innegable destas falas.

Estas falas representan, grosso modo, unha maqueta de moitos fenómenos dialectais, fonéticos, morfolóxicos e léxicos, esparexidos polo noso dominio lingüístico actual.

No léxico do galego do val é onde máis se nota o seu carácter de fala galego-portuguesa arcaica e arraiana, de illa diferente rodeada de portugués beirao e castelán aleonesado e con interferencias importantes do segundo (llaris, jeno, bodón, etc.). Aínda así, percíbese perfectamente a orixe galega antiga de boa parte dos nomes comúns, dándose a curiosa coincidencia que nun espazo xeograficamente tan reducido coexisten con plena vitalidade sinónimos de distribución dialectal por toda Galiza. No val recóllense as parellas de sinónimos estadunchu-funqueiru, cirdeira-cireixeira, subreira-carrasqueira, chíchari-ervilla, dinuciña-duniña, rebolu-carballu, etc., que se distribúen por Galiza en grandes áreas.

Están ben presentes tamén arcaísmos do tipo o mú, a múa, ou estoxar (aforrar), busu (burato), atró (trono), atroar, folló (filloa). Para o galego medio, o máis sorprendente son os cambios de significado dalgúns significantes comúns. Indiquemos que, por exemplo, xeira pasa de "xornada de traballo" a "campo ou leira" (que se dá traballado nun día); argola pasa de aro común a "pendente da orella"; babeco pasa de "parvo, fato" a "chafalleiro, zoupón"; cacheira e cachola non son sinónimos: cacheira é unha pucha para cubrir a cachola; choqueira non é o poñedoiro senón a puberdade, lambón pasa de significar "larpeiro" para especializarse en "mangante, ladrón"; etc.

Nos últimos trinta anos tense producido unha avalancha brutal de castelanismos na fala dos máis novos, debido sobre todo á escolarización obrigatoria (en castelán), ao incremento de relacións comerciais pola mellora das comunicacións, á administración, á igrexa,... Os máis novos son descoñecedores parciais dos traballos e oficios tradicionais, do léxico, da flora e da fauna, etc. A escola en castelán varre as peculiaridades lingüísticas das falas autóctonas e uniformízaas pouco a pouco en castelán.

 

Reivindicación

No val vénse empregando a fala en carteis de festas, anuncios de diversa caste, rótulos luminosos, etc., dende o máis negro franquismo. Co advento da democracia, estes usos vanse estendendo -a golpe de iniciativas persoais- a outros ámbitos, por exemplo, na rotulación dos letreiros das rúas, nomes de establecementos comerciais, etc. Anos atrás existiu unha emisora de radio, Radio Valverde, que emitía media hora diaria en valverdeiro, sobre cinco de programación case exclusivamente musical. Emprégase tamén a fala en adhesivos turísticos ou na rotulación de produtos gastronómicos propios (feito polo que mantiveron un duro contencioso coas autoridades autonómicas). Máis recentemente debemos falar da aparición da revista A Nosa Fala, que pretendía ser o voceiro da Asociación Fala i Cultura. Anos máis tarde viu a luz a revista trimestral lagarteira Anduriña, impulsada por Fala i Cultura e polo colectivo Amigus d'As Ellas i du sei castelu. Verbo da ortografía empregada para escribir nas tres modalidades, digamos que se ensaiaron múltiplas solucións, case todas elas con base no galego ou no castelán e algunha con base portuguesa.

A recuperación e dignificación da fala ten un fito senlleiro na constitución, o 3 de Agosto de 1991 en As Ellas da Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas, entidade que promove a recuperación e normalización absoluta da lingua nos tres concellos do val. É significativo tamén que nos seus estatutos fundacionais suprimisen o termo galego-portugués e o substituísen por galego de Estremadura. Fala i Cultura asumiu como tarefa inmediata a recollida de léxico patrimonial dos tres lugares, a elaboración dunha pequena gramática e unha normativa bastante elástica, a recuperación toponímica, a introdución da fala nas escolas, a posta en funcionamento dunha emisora de radio, a fundación de bibliotecas sobre temas galegos e do val e a celebración do "Día da Fala". Todo isto vai indo adiante sen ningún apoio institucional, máis que o chamado "Manifesto dos Alcaldes" (3 de Agosto de 1993), un manifesto asinado polos alcaldes dos tres concellos nos que demandaban das autoridades medidas inmediatas para a conservación da fala.

Saben falar nalgunha das variedades o 100% dos residentes nas Ellas e San Martiño e o 97% dos residentes en Valverde. O 3% restante corresponde a mestres, funcionarios, policía, etc., de orixe foránea. O 80% dos valegos aprendeu o castelán no medio escolar, e o 20% restante aprendeuno na emigración ou no servizo militar.

O 100% di entender perfectamente o galego (contan anécdotas de cando coinciden con galegos na emigración ou no servizo militar e se fan pasar por galegos sen problema ningún). Ao 90-95% gustaríalle ter medios audiovisuais e escritos na fala "pa adeprendela a escribil e a falal ben". Un 84% querería que a fala se estudase na escola e mesmo estaría disposto a asistir a cursos para aprender a escribir na fala. Case todo o mundo usa a fala en función familiar e social, sobre todo nas Ellas e San Martiño.

A Xunta de Estremadura recoñeceu "A Fala" coma Ben de Interese Cultural o 27 de Marzal do ano 2001, logo dunha longa loita polo recoñecemento. Podes velo picando no seguinte enderezo:
http://www.galeon.com/lenguasdeextremadura/afaladexalima/fala-bic.htm

 

Asociacións e persoeiros

Asociación Fala i Cultura. Asociación creada a principios dos anos noventa. Aínda que ten a súa sede en San Martiño, ten realizado accións nos tres lugares. Colabora na redacción da revista "Anduriña", que edita o Concello das Ellas.

Domingo Frades Gaspar. Técnico da Consellaría de Agricultura da Xunta de Estremadura e entendido das falas. Natural de San Martiño de Trebello. Nos anos 70 comezou a elaborar e a distribuír fotocopiados pequenos estudos sobre as falas do Ellas ("Algu sobre a nossa fala 1" e "Algu sobre a nossa fala 2"), así coma libros de poemas ("Versus de un verán") ou estudos históricos sobre aspectos da súa vila natal. En 1993 foi o promotor do "Manifesto dos tres alcaldes" en defensa das falas do val. É presidente da Asociación "Fala i Cultura" do Val do Río Ellas e tenente-alcalde en San Martiño de Trebello polo PSOE. Publicou o libro divulgativo "Vamus a falal". Foi nomeado xunto con Carlos Xesús Varela Aenlle (Eo-Navia), Héctor Silveiro (O Bierzo) e Felipe Lubián (As Portelas) académico correspondente da Real Academia Galega polo Val de Xálima ou Val do Río Ellas.

Severino López Fernández. Mestre do Colexio Divina Pastora das Ellas. Natural das Ellas. Foi concelleiro varias lexislaturas nas Ellas polo PSOE e hoxe reside en Salamanca. "Rapsodia local" como lle gusta definirse, apañador da lingua enxebre da tribo lagarteira, foi cofundador de "Fala i Cultura", asociación da que é secretario. É autor dos libros en lagarteiro "Topónimus das Ellas i rimas en lagarteiru e Arreídis" (recollida de refráns e ditos populares lagarteiros). É asemade o dinamizador da revista lagarteira "Anduriña".

Isabel López Lajas (1884-1967). Natural de Valverde. Fundou na posguerra unha especie de "misión pedagóxica" chamada "Escola dominical". No seo dela escribiu e dirixiu a representación pública de varios sainetes didáctico-moralizantes, recollidos no volume "Seis sainetes valverdeiros" publicado por Edicións Positivas.

Marga Carrasco. Valverdeira. Mestra de ESO. Foi locutora en valverdeiro da desaparecida emisora "Radio Valverde". Na actualidade vive e traballa en Madrid.

David Carrasco. Pai da anterior. Ten un diario inédito escrito en valverdeiro dunha riqueza léxica impresionante. No ano 2005 fixo unha autoedición de tirada limitada do seu diario xunto con outras historias chamada "Alcaldis de Valverdi i oitras historias".

Alfonso Berrío. Pastor e escultor autodidacta. Vive no Carballal, aldea de Valverde. Ten unha pequena pero moi interesante obra escultórica en madeira, que ten exposta en varios lugares da península. As súas obras levan sempre títulos en valverdeiro. Traballa sobre raíces de oliveira, carballo e aciñeira. Posúe ademais un glosario inédito de case mil termos en valverdeiro no que se poden ler verbas e arcaísmos realmente interesantes os cales hoxe só permanecen vivos na fala da xente máis anciá espallada pola devesa e a serra valverdeiras.

Máximo Gaspar. Alcalde de San Martiño de Trebello polo PSOE. Ten participado nos últimos anos en varios foros públicos (Santiago, no encontro "Latim em pó", Salamanca-Vilafranca, nas "Xornadas sobre o galego exterior", etc.) expoñendo a situación das falas do Val do Ellas.

 

Outra visión

Hai outras visións da orixe da "fala", aínda que hoxe non son válidas por estar máis que demostrada a orixe galega da mesma:

http://www.galeon.com/hablasdeextremadura/index.html

Afirma que "En las hablas de A fala sigo viendo un sustrato anterior a la lengua de repoblación, un asentamiento medieval y una evolución lingüística del dialecto que se une con isoglosas comunes, fonéticas y léxicas, a las hablas circunvecinas del altoextremeño  y el subdialecto portugués centromeridional de la zona de Castelo Branco, sobre un fondo con posos del asturleonés occidental. El sistema vocálico de cinco vocales y la ausencia de nasalidad fonológica se puede explicar en comunidad lingüística con estas hablas, sin tener que recurrir a una colonización exclusivamente gallega".

 

Volta á casa