|
O rock galego |
|
|
Por
Bocixa
(do grupo de Cerceda "Zenzar") Con
este artigo o único que pretendo é dar a miña opinión sobre a situación do
rock galego e valorizar a sua andaina ao longo destes poucos anos de história.
Para iso valerei-me da miña experiéncia dentro deste burato bastante escuro no
que a maioria resiste co ánimo de abrir xanelas para que entre a luz e o ar
necesários e asi outras persoas sigan adiante co traballo de dignificación
dunha morea de grupos que cantan en galego porque se trata da sua língua, da
sua história e porque é preciso que se teña en conta o seu traballo para camiñar
cara á profesionalización, pois se isto non acontece o futuro será pouco
doado. Tamén se recollen opinións das persoas que durante esta década
estiveron ou están mergulladas neste mar de graxa. En Maio do 1968 Celso E.
Ferreiro escrevia: "Hai que darlle o pobo unha canción acorde cos tempos
nos que vivimos, un pobo sen música é un corpo sen alma". Á marxe de
asuntos espirituais, esta aspiración creo que non está consumada xa que a
situación actual na Galiza está moi lonxe da normalidade, non só no rock,
pois apesar dese "boom" da música folk da que tanto se fala, cantos
grupos de folk ou música celta que parecen ter máis posibilidades no circuíto
comercial conseguen vender discos fóra da Galiza?, atreveria-me a afirmar que
non chegan á meia dúcia, isto mostra-nos a realidade e xa sobran os comentários
a respeito da música tradicional e do Rock Galego que é o que nos ocupa. Pero,
que se entende por Rock Galego? Hai quen pensa que é o rock feito en Galiza,
sexa no idioma que sexa; Hai quen cre que se deve chegar a criar un estilo próprio
ben diferenciado doutras culturas e que só asi poderemos chamar-lle galego. Eu
chamo-lle Rock Galego ao rock feito na Galiza na própria língua sen ánimo de
desterrar a ninguén, xa que en calquera lugar do planeta
cada quen deve ter a opción de expresar-se na língua que desexe, pero
desde a miña perspectiva nacionalista, a miña própria, o idioma é algo
fundamental, e como o grau de normalización lingüística é moi deficiente, a
música precisa de artistas que a usen, a sintan e axuden a reviver unha língua
que segundo os expertos está condenada a desaparecer ainda que moitos nos
resistamos a cre-lo, portanto tamén é
unha cuestión de idioma. O galego ten que estar presente no rock, no pop, nas
orquestras... 20
anos de rock en galego Logo
de toda esa morea de anos de miséria cultural e de proibicións, semellaba que
a língua galega non interesaba a ninguén ou que o complexo de língua vulgar
era moi grande. A finais dos anos 70 un grupo chamado "Goma dous"
editan un LP en galego, pero a miña primeira referéncia do rock en galego
chega na seguinte década cando aparecen na cena musical outras bandas como Radio
Océano ou Os Resentidos. Estes últimos conseguen abrir un burato e
introducir-se no mercado discográfico estatal co apoio doscográfico de
fóra do país. Gravaron o primeiro LP no ano 85, "Vigo capital
Lisboa", e despiden-se no 94 cun compilatório titulado "Made in
Galicia", unha maxi-homenaxe aos líderes da URSS e unha sinxela
solidariedade co sector naval de Ferrol e Vigo que sofren nese momento unha
forte reconversión. Antón Reixa, líder dos Resentidos: "Ao Rock Galego vexo-lle un futuro duro. Vin con
moita esperanza unha chea de grupos que comezaron despois de nós cantando en
galego, había e hai grupos moi interesantes pero o mercado e as circunstancias
son moi inxustas con eles, que fixeron e fan moi boa música pero que case nunca
ten repercusión nos meios, no público... Tivemos a sorte de que Galicia Caníbal
entrou nas listas de éxitos do estado e converteu-se na nosa canción máis
radiada e que nos abriu todas as portas..." Josito
Pereiro, no seu momento en Radio Océano
contou-me que a princípios dos 80 simplesmente por dar algun concerto de rock
por pubs xa ocupabas máis páxinas na prensa e resto de meios que hoxe por
sacar un disco. Despois
da conquista dos Resentidos moitas
bandas seguen o exemplo e comezan a aparecer grupos por todo o país como Yelow
Pixoliñas de Monforte, Diplomáticos
na Coruña, Os Rastreros en Chantada, Skornabois
en Vilanova de Lourenzá, Korosidansas
en Vilagarcia, Zenzar desde Cerceda, Túzaros
e Fame Neghra en Compostela, por mencionar alguns dos que editaron un
ou vários discos. Uns abandoaron, outros desapareceron e moitos resisten coa
mesma formación ou con outras bandas. Xurxo
Souto pensa que "naquel momento existia un tabu que dicia que o galego non
valia para o rock, precisamente creo que Os
Diplomáticos xurdiron para demostrar que todo aquilo era mentira, falácias,
miséria mental. Asi naceron Os Diplomáticos
de Monte Alto que tiñan máis sentido canto máis ubicados na cidade
estiveramos. A cuestión funcionou ben e logo coñecémos outros compañeiros de
rota e afortunadamente agora calquer rapaz ten a opción de facer rock en
calquer língua pero tamén en galego, pois ese tabu está derrubado grazas ao
labor dunha dúcia de grupos que nos 80 princípios dos 90 estivemos aí." Richi,
baterista dos Rastreros: "en Chantada ninguén nos tomaba a sério nen
valorizaba o noso disco até que nos viro na TVG (risos). Hai que ter un pouco
de critério, de personalidade para escoller o que gostas sen que che digan o
que deves mercar. As
instituizóns non deven molestar, non pór trabas para a celebración de
concertos... non devemos pensar nunha música subvencionada porque a realidade
demostra-nos que só subvencionan, promoven a artistas politicamente
correctos." Pode-se
afirmar que todos estes grupos que van xurdindo teñen en comun várias cousas:
pratican a maioria rock reivindicativo, con letras críticas que fomentan a
reflexión, inconformistas e desde unha ideoloxia de esquerda; tamén claro está
por diversión. Indústria
discográfica galega e meios de comunicación Este
é un dos capítulos máis negros porque para sacar a flote a música de calquer
país é preciso contar co apoio dunha indústria discográfica capaz de levar
adiante o traballo de edición, distribuizón, promoción e produción en
condicións aceptábeis, cousa que no rock non se ve cercano de momento. Existen
várias discográficas que se encarregan da edición dunha mínima cantidade de
traballos cada ano (Sons Galiza, Clave Records, Chorima, Edicións do Cumio...)
e ainda que cada vez as condicións son mellores devido á existéncia dunha
aceitábel oferta de estúdios de gravación, técnicos de son... a distribuizón
segue sendo moi pobre xa que a presenza dos traballos en tendas de música no
noso próprio país case nunca se consegue. As tendas reservan-lles sítio aos
grupos de moda do momento que soan cada
hora nas emisoras comerciais, desgrazadamente é a música que segue a
vender-se. Cantas tendas de música teñen un pequeno espazo para expor 30 ou 40
discos co carteliño de Rock Galego
que lle permita ao posíbel comprador coñecer estas edicións? Emílio
dos Skornabois non duvida en afirmar
que "a culpa da má situación é en boa parte dos meios de comunicación
que só dan cancha a grupos de discográficas potentes que pagan pola promoción.
Os meios públicos como a Radiotelevisión Galega ou Radio 3 marxinan o rock
galego. Ademais hai pouca consciéncia neste país, valoriza-se pouco o próprio
e mira-se sempre para o que chega de fóra ainda que ás veces a calidade sexa
moi inferior. Moitos grupos que editamos discos fixemo-lo porque moitos turramos
contra todo." Manuel
Seixas, escritor vencellado a Korosidansas,
grupo formado a finais dos 80 para facer música protestona, basicamente para un
concerto contra a urbanización da illa Cortegada e na actualidade con novo
traballo en solitário e involucrado nun novo selo chamado Madame Mir conta que
"a promoción dos produtos que van saíndo aqui custa moito, a verdade é
que polo momento un xornal galego vende máis se sae Richi Martin que Korosidansas.
Na TVG ignora-se o rock en xeral, non hai nada de promoción. O noso foi unha
loita, e segue sendo, por tentar cantar en galego. É moi difícil conseguir
concertos, moi difícil vender... creo que é o de sempre, a xente non valoriza
o próprio. Na Galiza o que houbo e segue a haber desde hai anos é moitos
Xacobeos, moitas celebracións grandilocuentes que no fundo non significaron
nada para o noso. Os rapaces non teñen
fácil acceso á cultura galega en galego de verdade e moito menos á música.
Desde ámbitos do poder como a Xunta e demais, só se fan investimentos brutais
no que os políticos que nos governan denominan cultura e que eu mellor vou
deixar sen cualificativo. Mentres siga este tipo de política cultural entre
aspas, asi nos lucirá o pelo." O
certo é que a presenza do Rock Galego nos meios de comunicación do país é
anecdótico. Os discos chegan á Rádio Galega, soan unha vez con sorte e pasan
a facer parte dos arquivos. Dá-se-lles máis cancha a bandas que cantan letras
"divertidas" e "que non se metan en política" ou que canten
en inglés xa que asi non hai problemas, xa que a maioria non entende. Mário
dos Túzaros di: "os meios de
comunicación están todos controlados polo poder político e os grupos galegos
que reivindicamos o direito á nosa cultura non temos aceso a eles. Estamos
condenados ao ostracismo, non podemos chegar ao mercado. Ignora-se-nos e non se
nos dá oportunidade de saír nos meios." Canto
á produción, non hai nengunha empresa na Galiza que aposte polo rock en galego.
Isto leva-nos a que as grandes montaxes encarregan-se a empresas controladas
desde fóra do país polo que os
cartos se van e por riba non se inclue o rock galego nestes festivais que ao fin
promoven o o alleo e non axuda para nada á nosa música. Un novo xeito de
promoción e divulgación aparece coas novas tecnoloxias e neste apartado hai vários
proxectos que tentan botar unha man; é o caso de páxinas dixitais como brabu.net
ou culturagalega.org que inclue mostras sonoras das edicións con
información adicional que se mantén durante meses na páxina. Ainda que de
momento os usuários non son maioritários, é moi positivo non descoidar-se
nese terreo. AMELGA-Asociación
de Músic@s en Língua Galega Logo
dunha reunión que nos recorda o "banquete de Conxo" por ter lugar
nese mesmo sítio, criou-se a Asociación de Músic@s
en Língua Galega que celebrou a sua II Asemblea este ano 2001. Forman parte da
mesma grupos e solistas de calquer estilo que teñan un claro compromiso coa língua
e a cultura galega ou cuxo obxectivo sexa a recollida da tradición musical
galega e a sua difusión. O
obxectivo é a promoción, reivindicar a atención dos meios de difusión,
apresentar propostas nas que se incluen actuacións de grupos galegos, criar
obradoiros de formación, asesoramento legal, intercámbios con outras culturas
e realidades sociais... Xa
se conseguiron programas que levaron a todos os grupos a actuar en diversos cenários do país en condicións técnicas
e económicas dignas, imparten-se charlas polos coléxios, actos reivindicativos
de atención á música en galego... Tenta-se
criar unha rede de concertos polo território galego xa que case non hai espazos
nen para ensaiar nen onde apresentar a música en directo. Xan
de Papaqueixos pensa que "vivemos
na Galiza estrambótica. Na Coruña fai-se un obelisco que vale unha porrada de
millóns pero non hai espazos para a cultura. En Compostela gastan-se centos de
millóns no ano da capitalidade cultural e á música galega destina-se unha
parte que dá a risa. Agora falan-nos dunha cidade da cultura na que tamén se
gastarán miles de millóns pero o que non se sabe é para qué e para quen, é
irreal. Primeiro devemos pór a base e logo seguir, pero aqui venden-nos a moto
e comezan-nos a casa polo tellado. Vivemos nun mundo musical totalmente
mediatizado. A xente acode aos concertos onde hai artistas que recomendan as
emisoras comerciais pero pasa da proposta do grupo da sua vila, grupos que non
teñen un espazo para mostrar a sua música. Hai bandas que teñen calidade, un
discurso super-coerente en galego e que deveríamos apoiar que non teñen nen
onde tocar. Logo os nosos políticos levan espectáculos ao longo da xeografia
galega como "Galicia Terra Única" que me parece unha estafa. Nada de
son en directo, nada plural, apenas se menten grupos de rock, e recuperan vellas
glórias que xa non teñen nengun interese... recordo na Coruña
espectáculos con Eric Clapton,
Bananarama, Marta Sánchez, Diplomáticos
e Cantigas da Terra. Realmente hai que
ser un pouco máis sério. Que eses grupos fagan unha peza en play back non é
apoio cultural nen dignifica a nosa música. Parece-me un despilfarro pero nunca
falta quen leve boas comisións..." Mália
todos os atrancos que mencionámos, a ilusión non decae e cada vez son máis os
que se apontan ao Rock Galego conscientes da importáncia e da urxéncia de
normalizar a língua ou porque xa non hai complexo de língua de segunda. Cada
ano novos grupos aparecen, desaparecen, editan-se traballos ben desde algun
pequeno selo, ben desde o traballo de autoxestión polo que moitos optan.
Incluso discográficas máis fortes de fóra do país comezan a ollar-nos de
esguello, a estar atentas ao que aqui se fai e mesmo levan adiante a edición
dalgun traballo. Nen@s da Revolta, Ruxe Ruxe, Meninh@s da Rua, Skarnio, Diskatocan, Lamatubá, 5 Talegos
ou Fuskenlla son só alguns exemplos que confirman que segue medrando
o número de bandas dispostas a seguir tirando por este carro que anda
espetado por corredoiras de lama. Todos agardamos unha mudanza de rumo na política
que governa este país, pero iso decide-o a cidadania cada vez que lle toca
opinar nas urnas. Publicado coa autorizaciom de Inzar Razóns
|
|
Envia um correo electrónico a
galizarock@hotmail.com com
preguntas ou comentarios sobre este sitio Web ou se desexas contratar um grupo.
|